español  | galego 
Foto

Plugin noticia individual

XIII FESTIVAL INTERNACIONAL DE TÍTERES

[28/09/2017] Categoría: Destacados, Consorcio As Mariñas

O XIII Festival Internacional Consorcio As Mariñas Galicreques 2017 programa entre os meses de setembro, outubro e novembro un total de 21 funcións tanto de compañías galegas como de compañías procedentes de Arxentina, Francia, Brasil e España. Deste xeito, os nove concellos que conforman o Consorcio As Mariñas converteranse un ano máis nun espazo referencial para o xénero escénico de monicreques. O Festival, organizado polo Consorcio As Mariñas e a Asociación Cultural Barriga Verde coa cofinanciación da Deputación da Coruña, celebrou o pasado 15 de setembro unha primeira función da Illa dos Nenos, en Arteixo, que serviu de adianto para o groso da programación, que arrinca cun claro verniz internacional este venres 29 de setembro e se estenderá até o sábado 5 de novembro.

Así, este venres, o Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo recibirá ás 18.30 horas a Güe Güe, espectáculo infantil destinado a menores de 5 anos da compañías galega Larei Lará. O Festival tamén levará o venres 6 de outubro (20 horas) a Arteixo a función de Caperucita y otros lobos, dos cataláns Teatro la Estrella.

Pola súa banda, o Festival levará tres espectáculos a Cambre. A primeira das actuacións será este sábado 30 de setembro ás 18.00 horas no CSC do Graxal: Os soños da Gaiola, montaxe da compañía galega Títeres Alakrán. En outubro, o sábado 14 , os arxentinos El Colectivo representarán Viento ás 17.00 horas no CSC da Barcala, e os galegos Títeres Brincadeira chegarán o sábado 28 ás 18.00 horas ao CSC o Garaxal con Contos para pasalo de medo.

A Senra será a sede das actuacións do Festival en Bergondo, cuxas funcións serán Güe Güe, de Larei Lará, o sábado 30 de setembro ás 18.00 horas, e Circo Galaico, de Títeres Alakrán, o sábado 4 de novembro.

Abegondo acollerá, pola súa banda, dúas funcións escolares: Caperucita y otros lobos, de Teatro la Estrella, o luns 9 no CEIP San Marcos, e Viento, dos arxentinos El Colectivo, o mércores 25 de outubro no IES Viós.

O Festival Galicreques reclará no Auditorio da Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada coas obras A cabeza do dragón, adaptación do texto de Valle-Inclán a cargo de Títeres Cachirulo, o mércores 11 ás 11.30 horas; Circo Galaico, de Títeres Alakrán, o sábado 28 ás 18.30 horas e Cincenta, de Danthea Teatro, o domingo 29 ás 18.30 horas.

Oleiros, pola súa banda, terá no Auditorio da Fábrica outras tres actuacións: Pipa, el títere maravilla, dos cataláns La Puntual o venres 20 de outubro ás 18.00 horas; Le fumiste, dos franceses Don Davel, o sábado 21 ás 18.00 horas, e A cabeza do dragón, de Títeres Cachirulo, ás 12.00 do domingo 22.

Betanzos converterá o Edificio do Liceo nun teatro de monicreques o luns 21 de outubro (Le Fumiste, de Don Davel), o martes 24 (Viento, de El Colectivo) e o mércores 25 (O dia em que a morte sambou, dos brasileiros Valeria & Habib). As tres funcións celebraranse ás 11.00 horas.

O Edificio de Servizos Múltiples do Burgo (Culleredo), pola súa banda, contará coas actuacións de Títeres Alakrán, que levará o seu Circo Galáctico o venres 6 de outubro ás 19.30 horas; El Colectivo, que interpretará Viento o venres 20 de outubro ás 19.30 horas; e Teatro de Marionetas Trécola, que ofrecerá a montaxe O agasallo de Anya, o venres 27 ás 19.30 horas.

Finalmente, Carral terá dúas sedes nesta edición do Festival: o Local de Xente Nova de Tabeaio, que o venres 27 de outubro acollerá a representación Cenicienta, de La Mar de Marionetas, e o Edificio Toñito Espiñeira, que programa As aventuras de Gale, da Xanela do Maxín o sábado 28 de outubro.

Volver
Consorcio As Mariñas Lugar de Bos, Naves O Carballalll nº4 15640 Guisamo, Bergondo (A Coruña) Tlf. 981 784 704 Fax. 981 784 721 info@consorcioam.org