español  | galego 
Foto

Plugin noticia individual

MEMORIA 2009

[10/12/2010] Categoría: Consorcio As Mariñas, Destacados

O 2009 foi un ano no que se fixo un gran esforzo en tres campos que para o Consorcio As Mariñas son vitais: o medio ambiente, os servizos sociais e o turismo.Trátase de tres ámbitos capitais para o futuro deste territorio que aspira a ser un referente de desenvolvemento sostible.

No marco do medio ambiente, durante o exercicio realizouse un gran esforzo inversor no plano da conterización e de habilitación de novos espazos para o depósito de residuos especiais, accións que como sempre acompañamos dun importante labor divulgativa e de sensibilización da poboación.

Xunto a eles, no 2009 rematáronse os traballos de implantación da Axenda 21 que busca o desenvolvemento sostible desde un punto de vista económico, social e ambiental dos nosos concellos.

Toda a información obtida será trasladada agora polos municipios para a súa utilización nas políticas locais, como instrumento de planificación estratéxica e como modelo de desenvolvemento.

Así mesmo, no marco tamén do crecemento dos nosos municipios, compre salientar o Plan de Dinamización do Produto Turístico da Área Metropolitana da Coruña que ten como obxectivo potenciar a competitividade turística do territorio. Financiado polo Consorcio As Mariñas, o Concello da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo y Comercio, o Plan de Dinamización do Produto Turístico, no seu primeiro exercicio investiu 1,1 millóns de euros e foi un exemplo de xestión xa que a pesar da dificultade que supón coordinar a dez municipios de moi diferentes características, cumpríronse os tempos fixados, o que permitiu a adxudicación de todos os proxectos que estaban previstos.

Tamén considero imprescindible facer unha mención especial ao extraordinario esforzo realizado no marco do Plan Coordinador dos Servizos Sociais para achegar á cidadanía, en igualdade de oportunidades, as prestacións do sistema público de servizos sociais especializados e, entre outros temas, achegar ao mercado de traballo a aquelas persoas que máis dificultades amosan para obter ou manter un emprego. Neste sentido, durante o 2009 o número de usuarios/as do gabinete de inserción sociolaboral foi de 1.903. Ademais, conscientes do cada vez maior porcentaxe de poboación migrante do noso territorio, en colaboración coa Secretaria Xeral de Emigración dispoñemos dun Plan de Atención ao Colectivo Migrante co que buscamos a súa correcta integración social e laboral, o que sen dúbida algunha nos axuda a seguir promovendo municipios cunha gran riqueza cultural, social e económica.

E por diante quédannos outros moitos retos sempre baixo un gran obxectivo: lograr que as políticas comúns redunden no beneficio de toda a cidadanía, feito que so poderemos acadar desde a responsabilidade e o consenso. Ese o noso compromiso, e dedicaremos todos os esforzos en conseguilo.

 

Volver
Consorcio As Mariñas Lugar de Bos, Naves O Carballalll nº4 15640 Guisamo, Bergondo (A Coruña) Tlf. 981 784 704 info@consorcioam.org