Asesoría Xurídica

ASESORÍA XURÍDICO SOCIAL ESPECIALIZADA

O servizo ten como obxectivo ofrecer un apoio xurídico na resolución dos distintos conflitos ou problemáticas que poidan presentar tanto as persoas ou familias como os propios profesionais dos equipos técnicos dos servizos sociais comunitarios dos concellos do Consorcio As Mariñas.

Son destinatarios do servizo:

  • Persoas ou familias que se atopen dentro de proxectos, programas ou servizos desenvolvidos polos equipos municipais de servizos sociais e nos que os profesionais referentes do caso estimen necesaria a interconsulta ao servizo porque existe unha problemática xurídica que é de imprescindible resolución para a viabilidade do plan individual de inserción social.
  • Profesionais dos equipos municipais de servizos sociais do Consorcio As Mariñas, que teñan dúbidas xurídicas para o desempeño do seu labor de información e orientación ou intervención coas persoas e as familias.

A atención ás persoas é in situ, no propio concello, trala valoración e derivación por parte das/os traballadoras/es sociais de cada concello e a través dun protocolo xa establecido, segundo o seguinte cronograma:

  1. Acceso a través dos servizos sociais municipais dos oito concellos.
  2. Derivación ao servizo.
  3. Desprazamento da asesora xurídica ao concello no que reside a persoa usuaria.
  4. Entrevista in situ.
  5. Trámites e xestións.
  6. Remisión dun informe ao concello coa descrición da atención prestada.
  7. Seguimento.

As actuacións que desenvolven son, entre outras:

  • Asesoramento e orientación xurídica.
  • Tramitación de procedementos.
  • Elaboración de documentos, xestións ou intermediacións ante outros organismos ou entidades.
  • Mediación.
  • Apoio ao servizo de xustiza gratuíta prestado por outros profesionais.


A atención e a frecuencia de asistencia a cada concello organízase en función da demanda e da poboación que hai en cada unha deles. O equipo técnico do Consorcio As Mariñas está integrado por dúas asesoras xurídicas e unha auxiliar administrativa.        

                 

Cofinanciado a través do convenio de colaboración coa Excma. Deputación Provincial da Coruña asinado o 28 de decembro de 2023.


ASESORAMENTO TÉCNICO PROFESIONAL NOS TRÁMITES DE ESTRANXEIRÍA

Servizo prestado por unha asesora xurídica que ten como obxectivos evitar situacións de desprotección das persoas inmigrantes, favorecer os procesos de normalización e regulación, informar e orientar, garantir o acceso aos recursos e previr situacións de indefensión.

Tras unha valoración inicial por parte dos servizos sociais de cada concello a persoa é derivada ao servizo, a través dun protocolo xa establecido. A atención, sempre é no propio concello de cada persoa usuaria do servizo.

As actuacións non se limitan a un simple asesoramento e orientación xurídica, senón que tamén se realiza a tramitación de procedementos, a elaboración de documentos, xestións ou intermediacións ante outros organismos ou entidades, mediación, apoio ao servizo de xustiza gratuíta prestado por outros profesionais...

Dentro do programa establécense 2 liñas de traballo:

  1. Atención directa a persoas inmigrantes.
  2. Información, asesoramento e formación a profesionais dos concellos en materia de estranxeiría.

Son destinatarios do servizo:

  • Persoas inmigrantes empadroadas nos concellos do Consorcio As Mariñas (Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada) previa remisión desde os servizos sociais municipais de cada concello.
  • Profesionais dos concellos e do Consorcio As Mariñas que necesiten de asesoramento e formación especializada no ámbito xurídico-social no seu traballo coas persoas inmigrantes.

TRÍPTICO ASESORÍA 23-25

 

Servizo subvencionado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Xuventude (Orde de 6 de setembro (DOG nº 177, de 18 de setembro de 2023) Operación cofinanciada parcialmente co Fondo Social Europeo FSE+ a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027: “Inclusión social e lota contra a pobreza”.

Gabinete de Inserción Laboral

O Servizo Social Especializado consorciado de Gabinete de inserción sociolaboral é un dispositivo creado en xuño de 2002 ao amparo da aprobación polo Consorcio As Mariñas do denominado “Plan Coordinador de Servizos Sociais”.

Nace coa finalidade de constituír un apoio aos equipos dos servizos sociais comunitarios básicos, traballando no eido da inserción sociolaboral das persoas usuarias remitidas polos devanditos equipos e coa filosofía de base de que o acceso ao mundo do traballo constitúe o mellor camiño para acadar unha plena integración social.

Trátase dun dispositivo público de carácter local que ten como obxectivo xeral o de achegar ao mercado de traballo a aquelas persoas que máis dificultades amosan para obter ou manter un emprego, persoas suxeitas a procesos de discriminación ou desigualdades sociais.

SERVIZO DE INCLUSIÓN E TRANSICIÓN AO EMPREGO

A metodoloxía de traballo é a través de itinerarios de inserción personalizados, co acompañamento profesional necesario, e cun carácter flexible e integral, de tal forma que en todo o momento a persoa se vexa apoiada.

Os requisitos para o acceso de beneficiarios/as ao dispositivo concrétanse nos seguintes parámetros:

  • Persoas empadroadas nalgún dos oito concellos do Consorcio As Mariñas (Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada).
  • Que sexan persoas ou familias usuarias dos Servizos Sociais municipais dos oito concellos do Consorcio As Mariñas.
  • Que sexan persoas con necesidade de apoios para atopar e/ou manter un posto de traballo polo que precisan un acompañamento profesional individualizado para a mellora da súa empregabilidade.
  • Persoas perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia ou membros da súa unidade de convivencia.
  • Calquer persoa afectada por factores de exclusión social.

A derivación ao gabinete, como no caso de asesoría xurídica, é dende os servizos sociais de cada concello a través dun protocolo. Neste caso a atención é de un ou dous días ao mes dependendo do concello.

As actuacións desenvoltas dende o Gabinete son as seguintes:

Acompañamento na búsqueda autónoma de emprego.

  • Obradoiros de preparación para a inserción, buscando acadar a motivación necesaria a través de dinámicas grupais, combinadas con técnicas de autoaxuda, axuda mutua e titorías individualizadas.
  • Formación a medida na empresa: adestramento dentro dunha empresa nos hábitos laborais e tarefas necesarias para desenvolver un traballo e acceder a un emprego.
  • Formación e inserción laboral en espazos protexidos: pequenos espazos de inserción tutelados con servizos e recursos de axuste persoal e social. Nos últimos anos estanse a desenvolver nesta liña distintas brigadas medioambientais que realizan traballos de xardinería ou de limpeza viaria. Están integradas por unha preparadora laboral que acompaña e apoia para realizar estas tarefas, durante dous días á semana, a un grupo de arredor de cinco persoas, normalmente con algún tipo de discapacidade severa ou problema de saúde mental.

O equipo de profesionais está integrado por unha psicóloga, unha técnica de inserción e catro preparadoras laborais.

Servizo subvencionado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Xuventude (Orde de 6 de setembro (DOG nº 177, de 18 de setembro de 2023) Operación cofinanciada parcialmente co Fondo Social Europeo FSE+ a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027: “Inclusión social e lota contra a pobreza”.

TRÍPTICO GABINETE 23-25

 

Colaboradores

Ceis As Mariñas

O Comité de Ética na Intervención Social "CEIS AS MARIÑAS" é un órgano colexiado de carácter consultivo, interdisciplinario e independente que ten por finalidade asesorar nos problemas éticos da intervención social, fomentar a cultura ética e mellorar a calidade da intervención social e o benestar das persoas usuarias dos servizos sociais.

Esta iniciativa xorde da preocupación dos/as profesionais dos servizos sociais dos concellos que forman parte do Consorcio As Mariñas (Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada) por consolidar e promover a dimensión ética da intervención social e buscar apoio para acadar a mellor solución en determinadas situacións de conflito. De ahí da orixe a un plan de formación (2017-2018), que tiña como finalidade proporcionarlles habilidades e coñecementos éticos básicos e facilitar a creación dun comité de ética en intervención social no ámbito do Consorcio. Ademais, o plan pretendía mellorar a calidade da intervención e dos procesos de toma de decisións dos/das profesionais e contribuír a implantar unha cultura ética no Consorcio e na sociedade.

Este Comité como referencia a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de Servizos Sociais de Galicia e contribúe ao logro dos obxectivos do Sistema galego de Servizos Sociais (artigo 3), ao desfrute dos dereitos das persoas usuarias (artigo 6) e á mellora continuada da calidade do sistema (artigos 49, 50 e 51).

O CEIS As Mariñas, está ao servizo das/dos profesionais, centros, servizos, asociacións, fundacións, institucións, persoas usuarias, familias e/ou representantes e demais axentes implicados na intervención social do Consorcio As Mariñas.

O ámbito territorial de actuación do CEIS As Mariñas é o correspondente ao ámbito dos servizos sociais dos concellos que integran o Consorcio As Mariñas.

Desenvolvemento normativo CEIS AS MARIÑAS

Díptico informativo CEIS AS MARIÑAS

Memoria  2021 CEIS AS MARIÑAS

Memoria 2022 CEIS AS MARIÑAS

Memoria 2023 CEIS AS MARIÑAS

Protocolo de rexistro de demandas de terceiros

RECOMENDACIÓNS ÉTICAS PARA A ATENCIÓN ÁS DEMANDAS DE ACTUACIÓN POR PARTE DOS SERVIZOS SOCIAIS REALIZADAS POR TERCEIRAS PERSOAS

Contacto

Contacta connosco

Estamos para axudarche

O noso enderezo

Lugar de Bos, Naves O Carballal 4 15640 - Guísamo - Bergondo

Email

info@consorcioam.org

Chámanos

+34 981784704